24 de septiembre de 2015

NOVO HOSPITAL PRIVADO DE VIGO: NON NOS VENDAN A MOTO

Escrito por DANIGUAL

Tras 60 anos de servizo, o PP de Feijoo pecha o Hospital Xeral. Con el pecha tamén un sistema de xestión 100% público e de calidade, que é substituído polas concesionarias privadas do novo hospital, coñecido como “Hospital Chungueiro” polas súas deficiencias.

Xa di o sabedoría popular que “as présas non son boas conselleiras”, e neste caso todos os problemas débense as présas por inauguralo rápido para vendelo como un cumprimento electoral de Feijoo (sería o único). Isto explica que os materiais sexan dos máis baratos e da peor calidade: paredes de pladur que permiten escoitar o outro cuarto, portas que abren do revés e impiden que se alguén se desmaia poida ser socorrido, baños que se inundan pola mala caída das duchas, cuartos en psiquiatría con elementos perigosos, probas de raios que se fan nun camión porque a zona non está illada, etc...

Pero non é obxecto deste escrito repasar as innumerables deficiencias e erros que levan tempo denunciando o persoal sanitario e os sindicatos, senón reflexionar brevemente sobre ­o novo modelo, o chamado “público-privado” ou “mixto”. O PP está inundando a prensa e as tertulias con voceiros (incluíndo ao xerente Ruibal, o verdugo do sistema público) enviados a cumprir unha orde directa de Feijoo: contar a súa versión e confundir á cidadanía, á que deben de tomar por parva. E así o fan os seus esbirros, espallando mentiras e insistindo en que é público cando non é, pois pública é a titularidade, do SERGAS, pero privados son os servizos que co Xeral (D.E.P) e o Meixoeiro non o eran. Non explican que é unha empresa privada a que se lucra cos cartos que pagan os doentes polo aparcadoiro (que ten un cartel que di “público” pero é de pago), que outra empresa cobra por chamar ás habitacións a un teléfono 902 (ocultando que pódese chamar a prezo local ao 986 811 111), ou que outra empresa explota a cafetería cobrando por un café máis que algunhas cafeterías con terraza. Tampouco explican que privadas son as empresas que xestionan a cociña, a lavandería, a seguridade, a limpeza, o mantemento, o subministro de enerxía e auga, as zonas verdes, o servizo de impresión etc...

Se ben o hospital é usado polo SERGAS, non é público como queren vendernos os do PP, pois a súa construción e todos os servizos foron privatizados. Consolidan así o desmantelamento da sanidade pública que o PP parece estar ensaiando en Vigo para posiblemente exportar a outros hospitais do país. E mentres os políticos e as empresas privadas frotan as mans, a xente frota o seu peto para poder pagar algo que construíron cos seus impostos. A cuestión é facer caixa, que máis lles dá que sexa a costa dos enfermos ou dos servizos públicos. Eles débense ás empresas.


A masiva manifestación deste mes en Vigo contra o novo modelo de hospital. 

1 comentario:

  1. Canta razonciña tes. Agora só falta saber quen son os donos desas empresas privadas.

    ResponderEliminar

Coméntanos qué te parece todo esto.